Axencias

O programa Xacobeo Xove é unha iniciativa de Turismo de Galicia en colaboración co Clúster de Turismo de Galicia, as asociacións AGAVI, AVIPO e ATREGA e a Consellería de Política Social e Xuventude.

Esta iniciativa pretende impulsar a experiencia do Camiño de Santiago entre a xuventude a través dun desconto de 200 euros que poderán empregarse en diferentes actividades e servizos ao longo de calquera das dez Rutas Xacobeas oficiais. Desta axuda poderán beneficiarse as persoas usuarias co Carné Xove activo que teñan entre 12 e 30 anos.

Ademais, co obxectivo de reforzar o papel das axencias de viaxe entre os/as mozos/as, a iniciativa Xacobeo Xove articúlase a través das empresas de intermediación galegas, que serán as encargadas de comercializar a experiencia do Camiño de Santiago.

Como pode a miña axencia darse de alta no programa Xacobeo Xove?

As axencias de viaxe interesadas en participar no programa deberán solicitar a súa alta a través do formulario que atoparán nesta sección.

Para participar na iniciativa é requisito indispensable que estean dadas de alta no REAT.

Trala revisión e aceptación das solicitudes, publicaranse os seus datos de contacto no portal web, á disposición das persoas beneficiarias para que poidan reservar a súa experiencia no Camiño de Santiago. Nesta páxina web tamén poderán publicar información sobre os seus paquetes turísticos, unha vez estes sexan validados.

Adicionalmente, recibirán un acceso ao seu espazo persoal, onde deberán cargar a información requirida sobre os paquetes que se comercialicen, de forma que se poida realizar un seguimento do correcto desenvolvemento do programa.

Como funciona o programa Xacobeo Xove?

A mocidade usuaria do Carné Xove poderá beneficiarse dun desconto de 200 euros en servizos vinculados ao Camiño de Santiago, baixo as seguintes condicións:

  • Os beneficiarios deben ter idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos e estar en posesión do Carné Xove activo, é dicir, debe contar co número de identificación do carné (número Eyca).
  • Cada beneficiario poderá desfrutar dun único desconto, que se vinculará ao número de Carné Xove.
  • O custo da totalidade da viaxe debe ser, sen o desconto, como mínimo de 300 euros. É dicir, para obter a axuda, os beneficiarios deben aportar un cofinanciamento de, polo menos, 100 euros, ao que se lle sumará a axuda de 200 euros aportada por Turismo de Galicia.
  • A experiencia adquirirase a través das axencias de viaxe galegas que se atopen dadas de alta no programa. Os paquetes turísticos poden configuralos as axencias participantes no programa ou poden deseñarse de acordo coas necesidades de cada beneficiario, incluíndo diferentes servizos vinculados ao Camiño de Santiago en calquera das dez rutas oficiais (aloxamento, desprazamento ou servizos complementarios de diferente índole).
  • As solicitudes atenderanse por orde de compra ata esgotar dispoñibilidade orzamentaria.

Como se configura o desconto?

O Clúster de Turismo de Galicia será a entidade encargada de canalizar estas axudas a través das axencias de viaxe participantes na iniciativa. Así, para poder materializar o desconto será preciso que as entidades adheridas ao Xacobeo Xove:

  1. Cumprimenten o formulario para a reserva de cada viaxe a través da páxina web do programa.
  2. Una vez confirmada a viaxe, emitan unha factura á persoa beneficiaria, incluíndo o desconto de 200 euros e indicando o seu número de Carné Xove. Esta factura deberá incluír o seguinte texto: “Desconto de 200 € con cargo ao Programa Xacobeo Xove financiado pola Xunta de Galicia.”
  3. Ao final de cada mes, emitirá unha factura ao Clúster de Turismo de Galicia cos descontos efectuados no transcurso dese mes. Para iso, deberán xerar un informe dende a páxina web do programa no que se aglutinarán e identificarán as operacións realizadas nese período de tempo.

Para que a axencia de viaxes poida tramitar a factura ao Clúster de Turismo de Galicia, esta deberá:

  • Indispensablemente cargar toda a información requirida na plataforma.
  • As operacións deben estar validadas na propia plataforma do programa. Neste sentido, o sistema realiza unha comprobación de que a persoa beneficiaria non tivera desfrutado do desconto con anterioridade e que teña o Carné Xove activo. Por iso,recoméndase encarecidamente que só se apliquen os descontos a aquelas operacións autorizadas previamente na web.
  • Deben recoller, de forma fidedigna a autorización ao tratamento de datos de carácter persoal.

Prazo

As viaxes poderán realizarse entre o 1 de xullo de 2023 ate o 30 novembro de 2024.

As axencias de viaxe deberán emitir as súas facturas cara ao Clúster de Turismo antes do 5 de decembro de 2024. Calquera operación non incluída en facturas emitidas con anterioridade a esta data, non formará parte do programa e, polo tanto, a axencia de viaxes renuncia a reclamar o importe das citadas operacións.

Incumprimento

Aquelas axencias de viaxe que realicen un uso inadecuado deste mecanismo serán dadas de baixa de xeito inmediato do programa, sen prexuízo da reclamación dos importes que o Clúster tivera liquidado á citada axencia.

Para calquera dúbida adicional, poden dirixirse á dirección de correo xacobeoxove@clusterturismogalicia.com ou ao teléfono 881 505 103